domingo, 20 de abril de 2008

Cerne e futuro do Deporte Galego

Santiago Domínguez Olveira
Director Xeral para o Deporte


Ao longo da miña experiencia profesional tiven a ocasión de analizar a realidade deportiva do noso país dende distintas ópticas. Nesta etapa á fronte da Dirección Xeral para o Deporte abríronse novos camiños de actuación aos que considero obrigado responder dende a entrega e o convencemento de que traballar a prol do deporte é loitar por unha sociedade mellor. Por iso, e porque todos os grandes proxectos son o resultado dun xermolo nacido da ilusión e das ganas de mudar o mundo, a aposta polo deporte de base é para o meu departamento a primeira pedra de calquera gran reto. Sobre os equipos que comezan con ilusións novas, sobre a forza dos nenos e nenas que por primeira vez conducen unha bicicleta ou visten un quimono asentaranse logo as sólidas estruturas do noso deporte. Por iso requiren dun especial mimo que os contaxie das ganas de nunca abandonar, e de ver o deporte como un motor xerador de novas metas.
Porque deporte non é só aquel que enche as páxinas deportivas dun xornal. Os que o vivimos dende dentro sentimos a necesidade de transmitir o sentimento de que o deporte é, fundamentalmente, unha fonte de prevención e unha canle para a integración que contribúe ao desenvolvemento pleno das persoas. Así entendido, non podemos deixar de lado a importancia que a práctica deportiva ten para aqueles sectores que tradicionalmente viñan ocupando neste eido nun segundo plano, aqueles que nunca enchen as estatísticas. A muller é hoxe a protagonista do movemento do mundo, a que vai marcar as pautas dunha sociedade logo de moitos anos de ignominia e silencio polos que todos debemos facer autocrítica. Por iso, tamén no deporte é a hora do deporte das mulleres, de que elas que historicamente teñen arrastrado consigo o peso do día a día sen o calor do recoñecemento público, reciban agora todas as facilidades que merecen. Non podemos virar a cara a unha realidade que nos presenta ás mulleres como motores do progreso, senón aproveitar ese potencial e esa forza para enriquecermos a nosa sociedade. Para a Dirección Xeral para o Deporte o deporte feminino é un ámbito de mellora necesario a fin de que tamén neste eido desaparezan definitivamente as diferenzas e as discriminacións. Así tamén, non hai prezo nin reparos que poidan limitar o traballo encamiñado a que as persoas diminuídas ou con necesidades especiais atopen no deporte un ámbito no que non existan as limitacións. É tempo de eliminar barreiras e gozar do deporte sen cancelas nin etiquetas porque o deporte é un sentimento que vai máis aló das capacidades físicas ou psíquicas.
Mais, aínda que, obviamente, é un ben universal, é certo que o corazón nos latexa doutra maneira cando vemos un deportista da nosa terra no máis alto dun podio. A ilusión e a emoción son forzas que conseguen que case todo sexa posíbel. Por iso na Dirección Xeral quixemos que ese sentimento de unión a través do deporte se espallase por toda a sociedade e contribuíse a darnos unha maior identidade como pobo e como potencia deportiva. Esa é a razón de ser das nosas seleccións galegas: cando xoga Galiza xogan tamén as emocións de milleiros de homes e mulleres, logo de moitos anos de silencio e dun baleiro que facía calar a nosa identidade no deporte. Galiza merecía isto, estar presente nos escenarios onde realmente se escoita a fala dun pobo porque a través do deporte tamén se mide a madurez da súa xente.
Mais, como non podería ser doutra maneira, os grandes retos teñen sempre unha raíz na que se agocha o segredo do éxito e a forza para medraren robustos. No meu caso, agora que como Director Xeral para o Deporte podo reparar no bo rumbo que está collendo o Deporte Galego e sentir que a miña entrega e o meu esforzo están contribuído nalgunha medida a que isto sexa así, é obrigado dedicar un pensamento ao primeiro paso.
Lembro cun especial cariño os catro anos que vivín como concelleiro de Deportes desta cidade, e estou convencido de que esa época foi a que me aportou a bagaxe que hoxe me fai crer que outra realidade é posíbel. Durante esa etapa tiven a oportunidade de escoitar e de aprender da xente do deporte vigués que ten convertido esta cidade nun dos cernes da actividade deportiva galega. Xente que merece a pena, que agradece e responde aos esforzos que se fan dende as administracións, e que se move co impulso do convencemento de que o deporte é un xeito de entender a vida polo que compensa arriscar. Por iso, sempre que teña a ocasión, tentearei devolverlles aos directivos, ás directivas, aos deportistas e a toda esta xente do deporte o gran traballo social que están desenvolvendo, porque o seu traballo asegura con mans de ferro o futuro do noso deporte.

No hay comentarios: