Ánxela Bugallo Rodríguez
Conselleira de Cultura e Deporte
A historia dun pobo é todo un compendio das realidades que nos distintos ámbitos sociais se foron sucedendo ao longo do tempo. Nun primeiro momento, os galegos e galegas viviamos o deporte como unha opción para o lecer que hoxe ten sobrepasado todos os horarios e todas as limitacións que marca o tempo. Por iso, nunha realidade coma na que vivimos, non poderiamos entender que a práctica deportiva permanecese á marxe da configuración da nosa historia.
Ao abeiro do deporte Galiza ten redimensionado a súa proxección internacional, sacando partido en moitos casos as infraestruturas naturais das que gozamos. É o caso, por exemplo, dos deportes náuticos, que teñen colocado aos nosos deportistas nos chanzos máis altos do deporte mundial. Mais para que os éxitos cheguen a nivel de resultados, é preciso que exista antes unha cultura do deporte que forme parte da educación dos nosos nenos e nenas. Cada vez máis cedo os nosos cativos aprenden que deben competir para seren os mellores, chegar mellor, chegar antes e adestrar para manterse na cima. Independentemente dos valores positivos que poida aporta a entrega e a superación persoal, as administracións deben traballar tamén para transmitir esoutros valores que case nunca se recompensan cunha medalla. O deporte debe formar parte da nosa cultura como un valor transversal, un prisma dende o que tomar unha perspectiva que nos permita escollelo como opción e incorporalo ao noso día a día.
Mais non podemos deseñar políticas de costas á realidade galega. A nosa poboación ten uns riscos moi marcados que a definen e que a converten nunha receptora ávida de políticas deportivas específicas. Desa necesidade xurde o noso compromiso de achegar o deporte aos nenos e nenas e ás persoas maiores para quen nunca é tarde para comezar. Neste sentido, a Consellería de Cultura e Deporte ten por diante un gran reto: difundir entre os nosos maiores o espírito deportivo de maneira que sexa certa a premisa de que o deporte non coñece idade. O noso obxectivo é sermos capaces de facer callar esa cultura deportiva que precisa este país, e erradicar completamente a idea dun deporte creado a medida dos mellores na competición. Os mellores son tamén aqueles que sen estaren motivados por unha clasificación saen correr un día calquera polo parque da súa vila.
Non obstante, non poden quedar fóra destas liñas os grandes nomes que teñen conseguido un oco para Galiza a través do deporte. Eles e elas son, dende logo, unha das grandes mans que tira polos nenos e nenas que un día deciden practicar deporte. Hoxe temos por diante moitos proxectos encamiñados a seguir esta liña para que axiña, na historia que mañá se escriba sobre Galiza haxa tamén unha páxina que fale do Deporte Galego en maiúsculas, e tamén dunha sociedade que, a través do deporte, adquiriu novos hábitos para unha vida máis saudábel.
domingo, 20 de abril de 2008
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario